Atopeime con Walter Almeida nas oficinas da Mineiradora Bettelstein, nun rañaceos preto da Praza da Estación, ás seis da tarde. A idea era ter unha cea de negocios para intercambiar información sobre as nosas respectivas compañías e tentear distintas posibilidades de asociación. É un tipo culto, de modos refinados, cos que suple a súa falta absoluta de pericia técnica. Percorremos cinco ou seis pubs, talvez máis, bebendo bastante, falando moito e comendo pouco. O máis contundente foron uns pãos de queijo deliciosos nun local con decoración minimalista e público de aire cosmopolita e aspecto pulcro, no que o meu anfitrión intentou infructuosamente que ligásemos cun par de mozas longuilíneas. Ás tres e media da noite mencionei a conveniencia de pensar na retirada, ao que o meu colega respondeu con alegre rotundidade que aínda non cearamos. Temín acabar facéndoo nun insufrible after-hours, comendo algunha porquería semisintética, rodeado de noctámbulos hiperestimulados.
O restaurante que Walter escollera era unha casa de estilo colonial, nunha esquina dunha gran praza. Había unha igrexa do outro lado. Obá! Errara por completo a previsión: macarróns. Sorprendente, este Walter.
Cando bebo de máis perdo a miña precaución habitual. Naquel contexto, logo de tantas copas e horas de conversa, Walter Almeida pareceume merecedor de toda a miña confianza. Temeraria e desvergoñadamente pregunteille polo comercio de pedras. Foi elegantemente evasivo. A Bettelstein, dixo, dedícase en exclusiva ao ferro. Aínda así, faloume con discreción aséptica das dificultades para entrar no moi controlado comercio legal, e dos perigos de facelo no turbio e arriscado comercio clandestino. Despois, falou o resto da noite de fútbol. En BH hai dous grandes equipos: o Atlético Mineiro e o Cruzeiro. El é cruzeirense.
Ao salír do restaurante, levoume a casa no seu coche e, no momento de despedirmos, anotou algo nun anaco de papel. Déumo dobrado e, cun sorriso de actor británico, advertiume que el non sabía nada do asunto. Compuxen a mellor cara que souben para aparentar entender sobradamente a que se estaba referindo e resistín a tentación de desdobrar o papel alí mesmo para ver se comprendía algo.
Permanecín na beirarrúa, cortés, agardando que arrincase e, cando o seu BMW desapareceu detrás da esquina, abrín a nota. Había, escrito cunha caligrafía un tanto afectada, un número de teléfono e un nome: Otacílio.