A animación tradicional foi posible grazas a un proceso de simplificación e axuste a un esquema de produción industrial. A clave do asunto era conseguir que moitos debuxantes diferentes renunciasen aos seus estilos propios para debuxar de tal forma que chegase a ser indistinguible -ou case- a man de cada un deles nos sucesivos fotogramas dunha película. O debuxo debía ser, pois, o menos complicado posible e sintético, reducíndose aos contornos e as liñas imprescindibles para a correcta interpretación das imaxes. A cor de todos os elementos móbiles da imaxe tiña que ser "plana", é dicir, sen matices, nin texturas, nin ningunha outra característica que dificultara o proceso de repetición. Con esa técnica acadáronse resultados brillantes e fixéronse obras mestras. A fórmula consistía en sacrificar os valores plásticos da imaxe -debuxada e pintada- para conseguir a naturalidade -e ata a espectacularidade- no movemento. Estes principios seguen sendo válidos para as producións estándar de debuxos animados, e ata, con lixeiras variantes, para as de animación por modelado en 3D.
Como tantas veces acontece con este tipo de condicionantes asociados a procesos de creación, poden acabar convertendo en "canon" o que no inicio eran só solucións coxunturais.
E outra convicción desafortunada é a que confunde linguaxe con xénero. O Cine é linguaxe. Como a Literatura. E do mesmo xeito que tan Literatura é a narrativa, como a poesía, como o teatro, como o ensaio... o Cine non é -non ten que ser, non pode ser- só narrativo. Que unha opción sexa maioritariamente aceptada non quere dicir que sexa a única válida. Pretender que o cine se axuste exclusivamente a patróns narrativos evidencia esa confusión entre linguaxe e xénero, e limítao arbitrariamente.
Como creador, logo de experiencias "estándar" nas que estes condicionantes eran obvios, tiña a necesidade de facer unha proposta que negase ambos. A nivel visual, recuperar todas as posibilidades expresivas da imaxe (color, matices, texturas, trazo, pincelada...), aínda que fose renunciando á espectacularidad do movemento (aínda non temos medios técnicos que nos eviten esa renuncia, pero non tardarán en chegar). E a nivel de contido, elaborar un discurso de carácter poético, centrado en transmitirlle ao espectador sensacións e emocións. Para afondar nese carácter non narrativo, resolvín eliminar os diálogos. E para iso precisaba a complicidade da música máis aló do habitual. Nani García estivo sempre disposto a compartir esta viaxe e compuxo unha partitura sinfónica que non deixa de removerme por moito que a escoito.