Os primeiros deseños foron un tanto erráticos. Na negociación do contrato eu pedira poder deseñar tamén os personaxes principais, sen que tivesen que parecerse aos actores da película de imaxe real. A proposta foi aceptada, co que o proceso de traballo inicial con Kay e Jay foi un tanto engorroso: eramos demasiados a opinar. O xefe Zed foi aceptado desde a primeira proposta, e a axente Elle tivo moi pequenas modificacións. Co can Frank the Pug foi tamén complicado por ignorancia miña: descoñecía aquela raza que por entón xa era popular en EEUU e que, anos despois, o sería tamén en Europa. Os meus primeiros modelos sempre se parecían a un boxer ou a un bull-dog.