Guillermo del Toro chamoume tarde unha noite. Non nos coñeciamos personalmente, expresámosnos a nosa mutua admiración (eu vira Kronos e encantárame) e el comentoume que tiña unha amiga escritora á que lle gustaría que eu fixese un cómic para incluílo na súa segunda novela. Da primeira fixérase unha película: Como auga para chocolate. A escritora chamábase Laura Esquivel. Eu tamén vira esa película e lido a novela, e gustáronme moito, pero expreseille a Guillermo as miñas dificultades para traballar con historias alleas. El díxome que, unha vez establecido o contacto, sería mellor que ela falase comigo e me contase o proxecto. Así foi, e Laura insistiu en explicarmo a fondo en directo: invitoume a México para que puidese "entender" o que deberiamos contar nesa historieta. Bastoulle a primeira comida que fixemos xuntos para convencerme. A miña estancia en México, acompañado por ela e por Víctor, o seu asistente naqueles tempos, foi inesquecible. Un ano despois, co traballo case acabado, Laura veu á Coruña para darlle os últimos retoques ao libro. Fixemos algunhas presentacións xuntos e despois non nos volvemos ver. A novela titulouse A Lei do Amor e inclúe un cómic en seis capítulos de oito páxinas no que narro en imaxes, sen textos, unha parte da historia.
Laura fíxome debuxar algo que nunca tería representado por propia iniciativa e que me resistín canto puiden a facer: uns homes morrendo empalados.