Segundo volume desta serie de cadernos de debuxos improvisados.
O debuxo segue proporcionándome unhas doses de pracer intensas e inmediatas, sen complexidades, sen razoamentos nin xustificacións. O debuxo é a poesía da plástica, a súa expresión máis esencial, máis sintética, máis depurada. Máis abstracta. Só un milagre neurolóxico fai que os seres humanos sexamos capaces de ver nunhas liñas sobre unha superficie un corpo feminino adormentado, un paxaro a piques de voar ou unha copa de cristal con viño. E para conseguir ese resultado fascinante e evocador o debuxante non precisa elaborar adxunto un discurso programático, unha declaración de intencións, un manual de interpretación ou unha nova teoría da percepción. Un lapis, un plumín, un dedo, un carbón que deixen trazos sobre un papel, unha pedra, unha madeira... son abondos.
Emoción en estado puro.